fbpx

Coñece A Ulloa: Antas de Ulla

A Ulloa é a comarca na que se asenta Pazo de Vilane.

A Ulloa é a comarca na que se asenta Pazo de Vilane. Está formada polos concellos de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, o municipio no que nos podedes atopar.

Antas de Ulla é un pequeno municipio situado na zona centro da provincia de Lugo, facendo de fronteira coa veciña Pontevedra e pertencente á comarca da Ulloa. Sitúase no que se coñece como o Centro Xeográfico de Galicia. O seu territorio acolle a algo máis de 2.000 persoas que se distribúen en 28 parroquias e uns 100 núcleos de poboación, e é o lugar no que se atopa Pazo de Vilane, concretamente no lugar coñecido como Vilane, parroquia de Antas.

Para poñernos en antecedentes, hai que saber que o nome Antas de Ulla é xa unha descrición do que aquí temos. A palabra Antas fai referencia aos dolmens, os monumentos  megalíticos funerarios e que serven para facernos unha idea da antigüidade dos primeiros asentamentos que houbo nesta zona. Por outra banda, Ulla fai referencia ao río homónimo, un dos máis importantes de Galicia coa segunda maior conca do territorio, e que nace aquí.

Que ver en Antas de Ulla

A longa historia do concello de Antas de Ulla deixou paso a un bo número de monumentos que convidan a visitalo en calquera momento do ano. Comezamos pola Fortaleza do Castro de Amarante, construída no século XIII sobre os restos dun castro pola familia Noguerol. Da construción orixinal tan só quedan restos debido aos ataques que sufriu durante as revoltas irmandiñas. Conta unha lenda moi asentada na zona que baixo o pazo atópanse uns pasadizos que levan ata o monte Farelo.

Precisamente no lateral dese monte atópase outro dos imprescindibles para ver en Antas. Estamos a falar dos petróglifos do Monte Farelo, situados preto da aldea de San Fiz. Trátase dunha das concentración de gravados máis importantes de toda Galicia e que algúns expertos cren que poden datar da Idade de Bronce. Recomendámosche tamén subir ata o miradoiro do Farelo para obter a vista máis impresionante sobre a comarca da Ulloa a 950 metros de altura. 

A seguinte parada lévanos ata as beiras do río Ulla. Trátase do antigo Balneario de augas de Frádegas, situado na parroquia de Santa Mariña de Amarante. O propio edificio do balneario é a construción máis importante, recoñecida polas propiedades das súas augas  sulfurosas. Boa parte do conxunto atópase en ruínas na actualidade pero ben merece unha visita para ver a capela ou o muíño. 

Se es un apaixonado do románico, en Antas de Ulla poderás facer un roteiro polas igrexas do municipio. Destacamos as de Santa María de Arcos cunha esplendorosa ventá na ábsida, a igrexa de Amoexa cun peculiar alpendre a un lateral da nave central ou o pórtico da de San Martiño de Amarante. Tamén merece unha visita a Igrexa románica de San Salvador de Vilanuñe, cunha fachada e porta de gran riqueza decorativa.

Entre os edificios históricos, catalogados no inventario do Patrimonio Arquitectónico da Xunta de Galicia, está o Pazo de Vilane. Un edificio cuxa construción data do 1780 e tardaron uns 80 anos en completarse.

Moito por ver e tamén por probar. Non te podes ir de aquí sen probar o Pan de Antas, cun sabor único proporcionado grazas ao trigo da terra e á súa elaboración no forno de leña, e algún dos queixos da denominación Arzúa-Ulloa que se elaboran nesta zona. E non poden faltar os ovos campeiros de Pazo de Vilane, procedentes das galiñas criadas en liberdade en Antas.

< Volver

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies