A maxia de San Xoán e Pazo de Vilane

É unha das celebracións máis esperadas do ano. O 23 de xuño comeza unha xornada chea de maxia en toda Galicia porque, aínda que a festividade de San Xóan é o día 24, os preparativos e a festa arrincan moito antes. En Pazo de Vilane somos grandes apaixonados polas tradicións populares polo que esperamos este día cheos de alegría e entusiasmo e con ganas de saltar a fogueira nesta Noite Meiga. 

Ademais, serve como evento para darlle a benvida ao verán. Unha época na que en Pazo non paramos nin un minuto mirando como están as galiñas e revisando as plantacións de arandos que están en plena maduración e as de framboesas que tardarán un pouquiño máis. Comida, bebida, lume, xente e rituais ancestrais danse a man en San Xoán para facer desta celebración a mestura perfecta. Todo o mundo está convidado a esta festa que dura ata o amencer, veste?

A historia de San Xoán  

A noite de San Xoán  vívese cun sentimento especial en moitas partes de España pero, sen dúbida, Galicia é unha das comunidades na que máis arraigamento ten esta celebración. As orixes desta festa son pagáns, xa que o que se festexaba era o solsticio de verán e o alongamento dos días. Un dato curioso, adóitase dicir que a noite do 23 ao 24 de xuño é a máis curta do ano pero isto non é realidade. A máis breve é a do 21 ao 22, o día real no que se produce o solsticio.

Co paso do tempo, o cristianismo foi adaptando os ritos pagáns e incorporándoos ao seu calendario. Así, o día de San Xoán  Bautista, o 24 de xuño, converteuse nun día para venerar ao profeta con fogueiras. Este cambio de rumbo non impediu que se mantivesen moitas das cerimonias ancestrais e por iso hoxe día seguimos saltando sobre o lume,  purificándonos e deixando atrás o pasado.

Os rituais de lume

Os rituais de San Xoán varían un pouco dunha zona a outra pero todos comparten un elemento común: o lume. Ademais, é indispensable para elaborar outro punto forte desta festa como é a comida. Cada un fai o que máis lle guste pero o habitual é preparar unha  sardiñada (ollo coa subida dos prezos das sardiñas cando se achega esta data) ou unha churrascada para os máis carnívoros (costela, criollo, chourizo, pito, todo serve!). 

Saltar a fogueira

Isto é indispensable. O malo chega á hora de establecer cantas veces é necesario. Algúns cren que tres, uns que sete, outros apuntan a nove. Non hai consenso pero o que está claro é que o número de saltos sobre a fogueira debe ser sempre un número impar. Desta forma conseguiremos escorrentar aos malos espíritos.

Queimar cousas

Poñemos cousas en xeral porque se queima de todo. E cando dicimos de todo, non esaxeramos. Os estudantes apostan por queimar os apuntamentos do curso que chegou ao seu fin; a xente que pasou por unha ruptura sentimental, bota cousas da súa  exparella; os que queren cambios, queiman roupa vella. Así que esta noite podes ver arder de todo.

A auga purificadora

Outro elemento da natureza que xoga un papel vital na celebración de San Xoán é a auga. Son varios os rituais relacionados este líquido, tanto na súa versión doce como na salgada.

Bañarse no mar 

A tradición di que bañarse a noite do 23 ao 24 de xuño no mar serve para  purificarse tras saltar sete ondas. Pero é importante facelo sempre con precaución. Na praia da Lanzada, en Sanxenxo, hai un ritual especial para atraer a fertilidade. As mulleres que queiran quedar embarazadas deberán meterse na auga de costas e saltar nove ondas.

As herbas de San Xoán 

Como non, este punto tamén ten polémica. Porque aínda que todos apuntan a que ao longo do día 23 hai que recoller sete herbas medicinais do campo para facer un ramallete que deberemos mergullar en auga (recollida de sete fontes) toda a noite, non se poñen de acordo en que herbas son. Dependendo da zona varían dunhas a outras. Coa auga desa noite deberémonos lavar a cara nada máis levantarnos o 24. Manterémonos así novos e espantaremos o mal de ollo. 

San Xoán  e Pazo de Vilane

Moitas veces relaciónanse as tradicións de San Xoán  cos pobos costeiros pero o certo é que no interior de Galicia tamén se celebra este día aínda que non teñamos mar. Pazo de  Vilane pertence á parroquia de San Xoán  de Antas polo que habitualmente estariamos en plena celebración das nosas festas patronais. 

Ademais, como vos contamos o ano pasado, hai unha lenda da Ulloa sobre o misterioso Castelo de Sirgal (Monterroso) e este día. Nun sepulcro do antigo cemiterio, na laxa de granito que o cubría acumulábase a auga da choiva de todo o ano coa que os veciños se lavaban na noite máxica de San Xoán. Marabilloso, verdade? Esperamos que ti tamén esteas preparado para vivir a noite máis máxica do ano. Cantas veces vas a saltar ti a cacharela?